top of page

Chegan as "DepoAndainas 2018" para impulsar os hábitos saudables, promover o territorio e


Este ano as cinco andainas da Deputación percorrerán As Neves, O Morrazo-Illas Cíes, O Condado, o Deza e o Val Miñor, entre maio e outubro

A presidenta da Deputación de Pontevedra presentou o programa "Depoandainas 2018", "un proxecto totalmente gratuíto, moi exitoso no que participaron, o ano pasado, 1.500 persoas e cuxas prazas esgotáronse en menos de 24 horas". Máis polo miúdo, Carmela Silva detallou que o obxectivo da actividade é "promover o deporte ao tempo que poñemos en valor os recursos da provincia de xeito que, cada ano, as rutas xiran arredor do eixo de promoción turística que estamos a divulgar e que este ano está centrado no patrimonio".


"Somos historias", tal e como asegurou a presidenta provincial, terá un especial protagonismo nas "Depoandainas 2018". De feito, cada andaina vai asociada a unha actividade transversal relacionada co patrimonio permitindo, durante cada unha das cinco rutas, coñecer dende o patrimonio histórico e cultural ata o natural ou o paisaxístico da provincia de Pontevedra.


A primeira andaina terá lugar o 20 de maio nas Neves. A presidenta da Deputación informou que se tratará dun "percorrido circular, dende diante da Casa do Concello, de dificultade media e distancia de 15,6 quilómetros a realizar en aproximadamente tres horas e media". Nesta andaina, tal e como detallou Silva, "que se desenvolve no quilómetro cero do que foi a vaga de lumes do pasado outubro, nun concello co 90% do seu territorio afectado, realizarase como actividade transversal unha charla de concienciación, sensibilización e prevención dos incendios a través de persoal de medio ambiente". As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 4 e 16 de maio.


Entre Moaña e Cíes discurrirá a segunda "Depoandaina 2018" no mes de xuño. Neste caso, trátase dun percorrido circular, dende o Parque da Xunqueira de Moaña, e dificultade baixa que percorrerá 6,5 quilómetros en Moaña e 8 en Cíes. Como actividade transversal, para esta andaina prevese impartir unha charla "sobre as aves que habitan nas Illas Cíes que, como saben, é unha Zona de Especial Protección para as Aves, e estamos a promover tamén a través das iniciativas que impulsamos en materia de turismo ornitolóxico", subliñou Silva.


A terceira "Depoandaina 2018", tamén circular e de dificultade media-alta, terá lugar o 8 de xullo cara o Castelo de Sobroso, saíndo dende a Casa do Concello de Mondariz e cun percorrido de 14 quilómetros. Neste caso, a actividade transversal que propón a Deputación é unha explicación da historia do Castelo de Sobroso, a súa orixe e importancia, momentos clave dende a súa existencia e algunha das batallas libradas no seu seo, as persoas máis relevantes que viviron nel así como sobre o Castro de Troña. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 11 de xuño e o 4 de xullo.


A Serra do Candán será a protagonista da cuarta "Depoandaina 2018" e terá lugar o 9 de setembro. Carmela Silva informou que será unha ruta circular, desde a aldea de Bustelos, de dificultade baixa e cun percorrido de preto de doce quilómetros polos concellos de Lalín e Silleda. Como actividade transversal, prevese impartir unha charla sobre a flora e a fauna da zona así como un obradoiro de "Shirin-Yoku" ou "curación do bosque", "unha técnica cada vez máis estendida en Europa, principalmente en Alemaña, de relaxación e que consiste no contacto coa natureza", destacou Silva. As persoas interesadas en participar nesta actividade terán que inscribirse, a través da web da Deputación de Pontevedra entre o 9 de xullo e 5 de setembro.


A última "Depoandaina 2018" terá lugar o 7 de outubro e será un percorrido circular por Gondomar de 12,4 quilómetros a realizar durante tres horas. A presidenta da Deputación adiantou que nesta andaina, como actividade transversal, se ofrecerá un taller de sendeirismo e orientación "con explicacións sobre as diferentes sinalizacións existentes, o seu significado e grao de dificultade, a interpretación das mesmas e tamén dos mapas, así como consellos e precaucións á hora de realizar andainas". O prazo para inscribirse na última ruta do programa permanecerá aberto entre o 10 de setembro e o 3 de outubro.


  • YouTube Social  Icon
  • Facebook Social Icon
bottom of page